Mostrando entradas con la etiqueta Galaxia. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Galaxia. Mostrar todas las entradas

ASASINATO NA CASA ROSA. ARANTZA PORTABALES

 

Comeza unha novela ("Os crimes de Loeiro") no que a Inspectora Iria Santaclara está sumida nun problema persoal grave (o ictus sufrido polo seu home que o deixou como a un vexetal) nese intre recibe un raro encargo por parte dun home moi rico e poderoso: que se infiltre na súa casa para averiguar cal dos membros da súa familia cometeu un asasinato (está convencido de que a morte da súa muller non foi natural senón provocada hai xa 4 anos). A cambio, pagaralle ó enfermo un caro tratamento.
Iria conta coa axuda do seu xefe xa xubilado (César Araújo) e xuntos comezan unhas averiguacións que os farán coñecer os hábitos, intereses... dos diferentes fillos do matrimonio.
Intriga, misterio e análise psicolóxica dos personaxes destacan nesta entretida novela editada en Galaxia.

NAILÍA. LOLI RODRÍGUEZ RODRÍGUEZ

Esta novela que edita Galaxia foi Premio Torrente Ballester 2024.

Cunha forte protagonista feminina, Lía, percorremos un camiño de búsquedas, dificultades e sendas diversas (que se entrecruzan con moitas outras vidas) nas que a protagonista é o fío condutor que nos leva a outros personaxes.

Aínda que ó comezo da novela está en 3ª persoa (ó introducir a importante figura de Ricardo, que reaparecerá ó final da novela) é Lía a que narra e tamén  lles dá voz ós seus fillos.

Aínda que hai traumas, problemas que marcan ós personaxes creo que o fondo é a loita por non renderse, por continuar sempre con forza.

Lía nai, Lía avoa, Lía que coida e acariña e que se impón sempre como muller forte que recuperará o seu espacio..

Tamén se perfilan psicoloxicamente os diferentes caracteres das fillas, por exemplo: a aventureira,  a atrapada nunha relación tóxica, a vulnerable con apariencia de forte...Ou de Antón e a súa evolución ata o namoramento doutro home.

Moi recomendable.
 

AQUELES DÍAS EN QUE ERAMOS MALAS. INMA LÓPEZ SILVA

Caeu por azar nas miñas mans este libro no que unha narradora,  protagonista,escribe desde o cárcere as súas peripecias vitais. Tamén nos presenta a vida doutras tres mulleres moi diferentes que están na prisión: unha prostituta, unha monxa, unha xoven que transportou droga... Todas elas encerran a traxedia dalgún comportamento erróneo do pasado, a dor de estar illadas, o recordo da familia e do exterior... pero tamén a gran conexión que se vai tecendo entre todas elas.
 No caso de Inma, a reflexión sobre a escritura e o propio acto de relatar a súa vida e as alleas, serve para compartir e referirse en alto ó motivo da súa presenza na prisión.
En Galaxia.

H2...PINGAS CIENTÍFICAS. OH!!! MARÍA CANOSA BLANCO-LUZ BELOSO

 

Hai neste didáctico álbum de María Canosa (e ilustracións de Luz Beloso) respostas a moitas variadas preguntas do ámbito cotidiano tanto das matemáticas como das ciencias, a natureza... É un texto informativo dirixido a espertar a curiosidade dos xóvenes, escrito dun modo sinxelo pero tamén con rigor. Admirarse polos descubrementos e manter interrogantes constantemente son as fórmulas básicas do avance e aprendizaxes.

Cun interesante limiar de Ángel Carracedo. En Galaxia. 

VIRTUDES (e misterios). XESÚS FRAGA

 

Falar de emigración en Galicia é percorrer un amplo camiño de soidades, novas vivencias, loitas, abandonos e, especialmente, desexos de mellorar e avanzar. Ese fenómeno marcou as vidas de moitos habitantes galegos xa desde o século XIX.

Nesta novela de Xesús Fraga o autor relata (en primeira persoa) a historia de emigración da súa familia, centrada na figura da loitadora avoa que debe emigrar a Londres moi nova (partindo de Betanzos), despois de que o seu marido tamén marchara a Venezuela e non volvera dar sinais de vida. No texto, ademais desa historia da loitadora/traballadora muller, faise un percorrido polos familiares de dúas xeracións que viviron esta experiencia en diferentes anos (o propio autor, neto daquela emigrante, e os seus pais, que tamén traballaron  no Reino Unido). 

De fondo sempre está a morriña polo que queda atrás, as dificultades cun novo entorno que descubrir e ó que adaptarse así como as vivencias dos que se foron e os que quedan: un ir e vir de sentementos e, neste caso tamén, de segredos de familia que sorprenden ó lector e ós propios protagonistas.

Na Editorial Galaxia. Premio Blanco Amor 2019. Premio Nacional de Narrativa 2021.

BELEZA VERMELLA. ARANTZA PORTABALES

 

A trama desta novela negra de Arantza Portabales é un terrible asasinato en Santiago: o dunha moza de 15 anos na propia casa e mentras os seus pais están reunidos cuns amigos e coa tía da rapaza (importante artista galega). Na vivenda tamén vive unha anciá que presenta un comportamento moi desequilibrado.. 

Poucos días despois da traxedia tenta suicidarse a tía da nena polo que as investigacións apuntan á súa culpabilidade pola anterior morte. Pero a minuciosa  investigación do Inspector Santiago, xefe da perspicaz e intelixente policía Ana, lévaos a contemplar varias hipóteses aínda que só é posible que cometeran o macabro crime unha das 6 persoas que se atopaban na vivenda. Pouco a pouco, e cunha trama perfectamente engarzada (que fai manter o interese ata o final) descubrimos segredos, intrigas... que fan variar o punto de atención sucesivamente e permite ver a complexidade de moitos personaxes.
O psiquiatra que se ocupa da tía (a famosa artista) tras o intento de suicidio introduce a retrospectiva historia de dito home (marcada por unha terrible traxedia/perda hai moitos anos).
A relación amorosa da policía  e o segredo que pesa sobre Santiago tamén contribúen a facer máis interesante esta recomendable novela.

Na editorial Galaxia. Deixe a súa mensaxe despois de oír o sinal é outra recomendable obra desta autora.
Hai unha edición do libro en castelá na editorial Lumen.


VICHES ISO? UN SINGULAR PERCORRIDO POLA VIDA DAS AVES INVISIBLES. JOSÉ ARCAS.

 

Son textos e anotacións de campo, de José Arcas que as acompaña con 138 ilustración de diferentes tipos de aves no seu hábitat e coas súas singularidades.


Para fixarse no que moitas veces nos pasa desapercibido. Editada en Galaxia. Na colección Lanterna de Aristóteles

DEIXE A SÚA MENSAXE DESPOIS DO SINAL. ARANTZA PORTABALES

Estas breves historias de Arantza Portabales, perfectamente interconectadas,  percorren vidas que, sen sabelo, teñen algún fío invisible en común. 

Son personaxes femininos de diversa idade ou estrato social, solitarias, loitadoras, frustradas, cheas de ideas e de vida que van deixando as súas aparentemente inconexas mensaxes nun frío contestador que exerce a función dun confesor no que se depositan variadas confidencias e retallos de vidas.

Dun modo moi orixinal interrelaciónanse as historias de catro mulleres: Marina, Carmela, Sara e Viviana. En breves capítulos as diversas mensaxes van enchendo as pezas sobre problemáticas diarias e comúns dunhas vidas solitarias que van cambiando o seu comportamento e ideas pola interacción cos outros.

En Galaxia.


BIBLIÓPATAS E FOBÓLOGOS. EMMA PEDREIRA

 

Todo este libro, de Emma Pedreira, editado en Galaxia, transmite o amor pola palabra que vai engarzando coas variadas historias de humor, retranca... e tamén creación e orixinalidade.
Bibliópatas" é un termo axeitado para todos os que temos o irremediable vicio da lectura. Con "Fobólogos" refírese nun dos textos ó odio pola propia lingua que leva a empobrecela.

Un libro que fala de libros e o mundo que os rodea. Un modo de xogar coas posibilidades da linguaxe, as emocións que proporcionan as palabras e tamén as súas repercusións no recordo e nos ánimos dun lector.

Recomendable para os que gustan do variado universo da lectura e as palabras. 

CARRUSEL. MARTA DÁVILA

 

Esta novela de Berta Dávila  (en Galaxia) foi Premio García Barros 2019 e Premio da Crítica española 2019.

Breve texto que en pouco máis de 100 páxinas fai un percorrido pola propia búsqueda de identidade persoal dunha muller, a través dos recordos e da escritura.

A forte crise creativa dunha escritora lévaa a plantexarse como foi a relación coa súa familia (especialmente o tío Carlos e a avoa Úrsula), coa enfermidade mental que sofre ou enfrentarse á maternidade.... nun carrusel de sentimentos, emocións e sensacións que van pasando sen interrupción, como si de un carrusel se tratase.

O ÚLTIMO BARCO. DOMINGO VILLAR

Atrapoume completamente esta novela de Domingo Villar, editada en Galaxia.
788 páxinas que se len dun tirón pola súa perfecta construción narrativa, amenidade, interesantes personaxes e descricións... 
A novela constrúese en moi breves capítulos  (introducidos por unha palabra coas súas diferentes acepcións) e versa sobre a sorprendente desaparición dunha moza. O seu pai, un prestixoso doutor, solicita o comezo dunha investigación cando comproba que leva días sen dar sinais de vida.
O inspector Leo Caldas emprende unha carreira para averiguar que lle sucedeu á muller, profesora da Escola de Artes e Oficios, para abandoar a vida solitaria, sinxela e tranquila que levaba.
A trama complícase progresivamente, pero dun modo totalmente creíble, e acompañamos os pasos da policía para resolver unha situación que, pouco a pouco, se vai tornando máis sorprendente.
A intriga e o suspense están asegurados ata o final. Encantoume a localización xeográfica da historia, o modo en que imos coñecendo o comportamento dos protagonistas e a variedade de interesantísimos personaxes que pululan pola novela.
Despois de Ollos de auga e A praia dos afogados nesta obra, moi cinematográfica, o inspector Caldas protagoniza de novo a investigación.
Está traducido ó castelá en Ediciones Siruela.
Moi recomendable.

EXTRAORDINARIO. ANTÓN LOPO


Nesta novela de Antón Lopo, que edita Galaxia, o protagonista é un home que volve ó seu pobo natal (no que facilmente se poden adiviñar trazos de Monforte de Lemos) tras moitos anos de ausencia. A volta sucede cando enferma a súa nai e tenta axudar á súa irmá puntualmente no coidado da proxenitora no hospital. 
O pasado familiar e as vivencias da infancia e xuventude vanse desgranando pouco a pouco, como si se tratase dun diario, intercaladas coa vida moi distinta do presente.
Polos ollos do protagonista vemos a relación de gran cariño coa irmá e a máis tensa cun irmán e a cuñada; coñecemos os motivos do distanciamento da nai e a marcha da cidade natal, detalles e recordos da infancia e xuventude... No texto aparecen moitos personaxes, descritos con precisión ou breves trazos, sensacións e sentimentos profundos que en moitas páxinas se tiñen con ironía e humor intelixente.
É unha obra que atrapa desde o comezo e que recomendo encarecidamente.

Premio narrativa breve Repsol 2018.

OS NENOS DA VARÍOLA. MARÍA SOLER

Cheguei a este libro de M. Soler, editado en Galaxia, por casualidade tras escoitar unha entrevista radiofónica á súa autora. Chamoume poderosamente a atención un dato que descoñecía totalmente:  a expedición (real) no comezo do s. XIX a América con 22 pequenos orfos que serán utilizados para vacinar masivamente da varíola en América.
A durísima vida nos orfanatos, como eran deixados os rapaces... pareceume unha parte moi dura pero maxistral. Os nenos están a cargo dunha muller, Isabel, nai solteira que rexenta o orfanato, volcándose cos pequenos, e vive co seu fillo.
Historias concretas e persoas duras e tenras. Exemplos de superación persoal (impresionante o neno Ezequiel e o seu afán por mellorar). Nunca época de virulencia da varíola embarcan a uns nenos anónimos a América para erradicala...
Aventura, valentía e sensibilidade aúnanse neste marabilloso libro.

INSTRUCIÓNS PARA TOMAR CAFÉ. MANUEL NUÑEZ SINGALA

Humor intelixente, ironía, continuos guiños ó lector...
Brevidade, amenidade, inxenio e agudeza hai nestes relatos curtos (algúns só teñen dúas liñas) ou tamén microrrelatos.
Dende unha alusión no título á obra de Cortázar: "Instrucciones para..." o libro estructurase en torno a 4 grandes bloques:
1.-Libro de Reclamacións
2.-Libro de estilo
3.-Libro de Instrucións
4.-Libro de Contos
Nuns hai queixas a diferentes e divertidas situacións, noutros varias reflexións sobre o "carácter" dos galegos; ou ben o fío condutor é a alusión a distintas e propias formas de ser da xente de Galicia (sempre cun toque de ironía e sorna que nos arrinca un sorriso). Por último, atopamos solucións inesperadas, divertidas e inxeniosas ou incluso algunha revisión de contos clásicos.
Nalgún aspecto recordoume a outro libro deste mesmo autor: Menú de enganos xa que en ambos hai como pequenos lóstregos de palabras e sensacións que pasan fugazmente diante dos nosos ollos. 
Gustáronme especialmente: "Cocido familiar", "Estraña", "Instrucións para tomar café", "Instrucións para parecer galego", "Instrucións para convidados" ou contos como "O Monarca" por citar algúns...
En Galaxia, de Nuñez Singala.

UNHA SOIDADE DEMASIADO RUIDOSA. BOHUMIL HRABAL

Achéganos a editorial Rinoceronte este libro (do novelista checo Bohumil Hrabal) que inmediatamente me atrapou polo título. 
Breve novela chea de intensidade que se converte nunha lectura complexa en moitas páxinas, polas longas reflexións do personaxe principal.
A vida dun solitario empregado ocupado en destruir libros (moitos censurados) caracterízase polo gran amor pola lectura, a soidade, a obsesión por ir recuperando textos vellos destinados a desaparecer. A única compaña duns ratos enche a soidade deste home desencantado que só de modo esporádico entabla algunha relación.
Un texto poético, que fai nos deteñamos a soñar, a pensar... como o protagonista reflexiona sobre os grandes cambios experimentados pola sociedade 
Unha forte sensación de que a soidade se enche coas ruidosas palabras dos libros.

Blog
DesordenadasLecturas
de
Beatriz González López
gonlobea@gmail.com

Buscador

Entradas antiguas

Seguidores

Traductor

Vistas de página en total