Mostrando entradas con la etiqueta Xerais. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Xerais. Mostrar todas las entradas

UNHA UNICORNIA. O HEMATOCRITO- ALBERTO VÁZQUEZ


Os nenos soñan a cotío con coñecer unicornios pero neste tenro álbum a protagonista (Estela) é unha simpática unicornia que soña con coñecer nenas e se rodea de imaxes de humanos que lle gustaría non fosen só un soño senón unha realidade.

En Xerais.

GOLPES DE LUZ. LEDICIA COSTAS


 Edítase en Xerais esta novela de Ledicia Costas, tamén en castelá en Destino,

Sempre é un pracer ler a esta autora.
As tres voces narrativas que se suceden na novela corresponden a Luz (a avoa), Xulia (filla da anterior) e Sebas (neto da primeira e fillo de Xulia).
Especialmente memorable é a pouco convencional avoa, que deixa de vivir soa na súa casa e acolle nela á filla e ó neto. A filla traslada o seu domicilio de Madrid a Galicia despois dun divorcio que non está sendo doado. A convivencia fai saltar chispas entre as mulleres posto que o deterioro mental que mostra continuamente a anciá lévaa a comportamentos impropios (sempre vai cun martelo, esconde unha pistola...) que preocupan moito á súa filla que de pronto debe ocuparse de Seban (que está adaptándose a Galicia e atopando o seu lugar) e dunha nai que a desconcerta. 
No fondo agóchases un segredo gardado dende hai moito. A nai négase a contarlle á filla que pasou co pai, desaparecido cando ela era unha nena e do que recibe  ambiguas informacións por parte da anciá. Esta sempre defendeu que as abandonou para marchar a Arxentina.
A investigación de Xulia, como xornalista, sobre o narcotráfico en Galicia nos anos 80 lévaa a descubrir dolorosas verdades e a ter sorpresas difíciles de asimilar.
Destaco especialmente o fino humor-tenrura e a personalidade de dous personaxes en especial: avoa e neto.
Recomendable.




UN LUME AZUL. PEDRO FEIJOO

 

 Gustoume moito esta novela negra de Pedro Feijoo (en Xerais). 
Está ben construída, engarzada, fai manter a atención ata o final e os personaxes principais son moi interesantes. Dá algún xiro sorprendente aínda que, penso, a resolución do conflito é previsible.

Un asasino en serie (que mostra unha violencia extrema e sanguinaria) comeza a actuar contra vítimas que, aparentemente, non teñen ningunha relación. As persoas que morren teñen sufrido moitas torturas antes, arríncanlles membros, fan que sexan comidas por  animais... Nunha dura descrición da dor, o narrador vai conducíndonos polo proceder do policía que investiga o caso e as causas que levaro a perpetrar tamaños sufrimentos.


NON PENSES NUN ELEFANTE ROSA. ANTÍA YAÑEZ

 

A protagonista desta novela de Antía Yáñez, editada en Xerais, é Aurora, unha moza moi independiente, que posúe poder de decisión sobre ela mesma pero a rapidez coa que xira todo ó seu redor (aínda que a sensación é de que o tempo parece ficar quieto), lle leva a afastarse de amizades, da familia, déixaa a parella... céntrase nun traballo que a mantén entretida nun verán agobiante. Un veciño, tan só un neno, irrumpirá poderosamente na súa vida e no modo de enfrentarse ó mundo.

E de fondo da temática está presente un trastorno de comportamento (TOC) que, penso, se intenta visibilizar por medio destas páxinas.

A CULPA. MARÍA SOLAR

É moi entretida e interesante esta novela de María Solar gañadora do XXXIX Premio Xerais de Novela 2022, tamén editada en castelán en Contraluz.

Unha xoven traballadora nun banco, Amanda, recibe a noticia de que unha muller maior, millonaria, lle deixa toda a súa herencia sen practicamente coñecela. Despois da inicial sorpresa comeza o seu camiño de pescudas para indagar na vida da muller (Gondar). Nesa aventura está acompañada dun compañeiro co que mantén unha relación. Viaxan ata Arxentina onde se atopan con grandes segredos e misterios sobre a vida da descoñecida muller e tamén se enteran de episodios duros da súa vida e detalles da profesión á que se adicou.

Un terrible misterio, unha culpa e un final sorprendente.






COSMICO. O BOMBEIRO GALÁCTICO. FONSO BARREIRO

 

Este Cómic de Fonso Barreiro editado en Xerais foi III Premio de Banda Deseñada O Garaxe Hermético.
Boa maneira de que os máis novos reflexionen sobre a necesidade de loitar contra o lume (por medio da lectura) e tamén sobre a necesidade de coidar e protexer o Medioambiente
Uns divertidos extraterrestres exercen de bombeiros da galaxia, na terra loitarán contra o lume e farán un amigo que os acollerá e acompañará na súa aventura.

OS SERES QUERIDOS. BERTA DÁVILA

 

Esta novela de Berta Dávila foi XXXVIII Premio Xerais de Novela.

A experiencia de ser nai é narrada, 5 anos despois do nacemento do primeiro fillo, desde un recordo nítido daquel momento ata a determinación dunha interrupción voluntaria do embarazo para un segundo fillo.

As luces e sombras sobre o sentimento materno, as dúbidas, inquedanzas e autoimposicións (motivadas quizais indirectamente polo que se sobreentende na sociedade) xera emocións encontradas e tamén momentos de infelicidade a pesar do que sempre se intentou asociar traer un fillo ó mundo coa "neesidade de ser boa nai". A depresión post parto abórdase aquí sen rodeos.

Os días anteriores ó aborto van da man á narración sobre a voda dunha amiga. Tamén a morte da avoa, nos días anteriores ó Nadal, é abordada dun modo tenro.

 É un breve libro (131 páxinas) moi intimista, directo, unha reflexión sobre a maternidade.

Está editado en castelá en Destino.




AS ESTACIÓNS DO LOBO. MARÍA REIMÓNDEZ

 

Sempre é un pracer ler a María Reimóndez.

Clara é unha adestradora canina que marcha do seu Lugo natal ata Munic despois de namorarse dun poeta polo que progresivamente (case sen darse conta) abandoa amizades, traballo, independencia e gañas de vivir. 

Nun momento de total desorientación vital de Clara, e de soidade, o encontro casual cun home que pasea ó seu can fará que a súa vida cambie grazas á súa amizade e á oportunidade de traballo que lle ofrece. 

Paralelamente á recuperación do interese polos cans, que comezará a coidar, fai que recupere as gañas de aprender, as amizades, as experiencias esquecidas, afectos... e emprenda unha vida máis libre e satisfactoria.

"A domesticación do lobo", "O espertar do lobo" e "Ceibar o lobo" son as partes (metafóricas) nas que se divide o libro. Cada unha abarca: Inverno, Primavera, Verán e Outono. Na última parte engádese Inverno.

En Xerais.

E LOGO...POR QUE? VIRUS E BACTERIAS. J. FONT BARRIS-J.DEL CORRAL ESCRICHE

 

En Xerais Básicos ciencia editase este sinxelo e didáctico texto no que se responde a variadas preguntas sobre virus e bacterias. 
Dun modo informativo, e moi ameno, os máis novos poderán aprender curiosidades, por medio de respostas a 137 cuestións (organizadas en "Un universo que non vemos" e" Microbios bos e malos") .
As curtas explicacións ilústranse con sinxelas ilustracións neste interesante Libro informativo con textos de J. Font Barris e Ilustrado por Jorge del Corral. Edición de Emili López.

ELISA E MARCELA. Amigas e amantes. NARCISO DE GABRIEL


Narciso de Gabriel adéntrase nesta obra na  historia de amor de Elisa e Marcela, mestras galegas que a comezos do século XX casaron -Elisa co nome de Mario-, vidas que se sintetizan nestas páxinas. 
As súas circunstancias, a persecución que sufriron (tiveron que marchar a Portugal e Arxentina) son resumidas dun modo ameno e cercano. T amén se incorpora o proceso xudicial do que foron obxecto estas valentes mulleres que loitaron para defender os seus sentimentos fronte á incompresión da sociedade que as rodeaba.

Edita Xerais.

A historia tamén foi levada ó cine por I. Coixet.

ALCALDESA VERMELLA. MAR VILLAR


 

En Xerais edítase este libro con ilustracións de Mar Villar , no que a protagonista é unha moza, Carapuchiña vermella á que lle encomendan falar cun xenio. Pronto chegará a ser unha líder que debe contar cos demais para decidir e procurar un lugar mellor para vivir. Aparecen varios personaxes doutros contos clásicos.

WOLFRAM. ESPÍAS, NAZIS E MAQUIS. ALBERTO VARELA.

En Xerais edítase este breve cómic de Alberto Varela ambientado en Galicia, cando despois da Guerra civil o wolframio que hai na nosa terra desperta a atención dos nazis, que se farán con este material para o Terceiro Reich, no contexto da industria do armamento na Segunda Guerra mundial.

Dous aventureros personaxes móvense pola xeografía galega: Molly Morrison (norteamericana) e W.C Morgan (británico) serán os encargados de espiar e dificultar os movementos dos nazis.

Entretido.

ONCE PORTAS. HÉCTOR CARAJAVILLE

Novela curta de Héctor Carajaville, editada en Xerais. Premio Ánxel Fole de narración curta do Concello de Lugo 2016.
Ambientada na cidade de Compostela no 1929. O protagonista é un xove que nunha festa da Ascensión visita un posto dun mago (Buda) que o porá sobre a pista dun segredo agochado na cidade e que o rapaz (coa súa insaciable curiosidade) tentará resolver.
As portas da antiga muralla medieval de Santiago, o número once, as igrexas da cidade, o sepulcro do apóstolo... lévano a unha interesante mixtura de fantasía e datos históricos que entreteñen desde as primeiras páxinas. O lector necesita saber máis.
Aínda que a resolución final da trama non me convenceu, pareceume unha boa novela.

UNHA FÁBRICA DE BICOS. MARÍA CANOSA-DANI PADRÓN

Edítase en Xerais este álbum de María Canosa, ilustrado por Dani Padrón.
Mindi non quere dar bicos, aínda que é algo habitual que os maiores os demanden continuamente.
É decisión de cadaquén dalos cando quere, sen obligacións.Hai un mecanismo oculto que os fabrica? Cando hai que utilizalo?

INFAMIA. LEDICIA COSTAS

A coñecida escritora galega de Literatura xuvenil adéntrase de cheo no xénero da narrativa de misterio con esta novela, para adultos, que edita Xerais.
O misterio dunhas desaparicións sen resolver ocurridas hai 25 anos, a particular investigación emprendida por unha muller, profesora de Universidade, que se traslada a vivir a un tranquilo lugar no que aparentemente nunca pasa nada, centran unhas páxinas que envolven desde as primeiras liñas. 
Pouco a pouco o pasado reaparece para acercarnos ó peso das malas decisións tomadas, a abusos sexuais, violencia, segredos, contas pendentes e, tamén, ós remorsos que rodean a algún personaxe importante da obra.
A vida persoal e as búsquedas da protagonista do seu propio camiño veranse inlluídas poderosamente por un feito sen resolver que provoca moita dor, incertidume e desconcerto: o descoñecemente de que sucedeu realmente hai moitos anos cando unhas nenas desapareceron.
O final queda aberto a unha continuación.
Está editada (en castelá) por Destino.
Recomendable.


IZAN O DA SACA. XABIER QUIROGA

Esta novela de Xabier Quiroga, que edita Xerais, presenta unha trama moi ben trabada e construída. 
Os personaxes son variados e ricos en matices. 
É interesante a descrición de distintas partes da xeografía galega, que inclúe tamén a Ribeira Sacra, lugares facilmente identificables para os que somos da zoa... Pazos, mosteiros, xentes comúns, diferentes ambientes, paisaxes... desfilan ante os noso ollos á vez que unha continua intriga.
Na obra hai unha novela dentro da novela... Un misterioso paquete que recibe un fiscal remite á historia principal, que se podería sintetizar moi brevemente deste xeito: O protagonista (un taxista e investigador) recibe un misterioso encargo dun coñecido empresario e político galego que tras ler un curioso correo desde Arxentina (sobre alusións a antepasados que descoñece), lle pide ó  peculiar taxista investigar. Ditas procuras deben facerse con total discreción porque teme ver afectada a súa carreira dada a gravidade da información destapada.
O pasado da suposta presenza nazi en Galicia, a "Ruta das ratas", que levaba ata un refuxio nazi en América, intrigas misteriosas e persoas que teñen moito que calar e agochar... configuran un relato que logra manter a atención ata o final.
A acción alterna entre a época actual e a da posguerra, nun perfecto equilibrio que fai moi interesante toda a historia.
Tamén está editada en castelá co título La casa del nazi, que eita PlanB.




CEMITERIO DE ELEFANTES. FRAN ALONSO

Hai tempo que tiña ganas de ler esta novela de Fran Alonso, editada en Xerais.
A lectura da obra fainos adentrar nunha especie de viaxe por Vigo, durante unhas horas dunha noite calquera na cidade.
Por medio da sucesión de historias engarzadas do que lles sucede a diferentes personaxes adentrámonos na noite, na sorpresa, na intriga, na violencia...
É un libro áxil, breve pero dunha intensidade grande pola variedade de temas que toca e polos personaxes pouco correntes, ou tamén cotidianos, con que nos atopamos.
O desengano, a soidade, a diversión... vanse presentando en ráfagas breves ou máis profundas diante dos nosos ollos.
Gustoume o texto.

PIONEIRAS 2. GALEGAS QUE ABRIRON CAMIÑO

Este segundo volume de mulleres pioneiras continúa a temática do álbum que xa comentei neste blog: Pioneiras galegas que abriron camiño, tamén editado en Xerais.
O texto é de Anair Rodríguez e as fermosas ilustracións de Abi Castillo.
Son mulleres galegas que abriron portas, racharon estereotipos e barreiras cara a igualdade de xénero cos seus logros.
Recomendable.

O PUÑO E A LETRA. YOLANDA CASTAÑO

Son 40 poemas de Yolanda Castaño ilustrados en modo de cómic/banda deseñada. Na páxina da esquerda está a composición poética da autora e na dereita se ilustra segundo a visión particular e libre de diferentes debuxantes ou figuras destacables na banda deseñada (Norberto Fernández, Alberto Taracido, Cristián Caruncho, Jano, Fran Jaraba, Xulia Pisón, Paula Esteban, Fran Bueno, Xulia Vicente, David Rubín, Miguel Robledo, Mabel Cráneo, María Ferreiro, Alicia Jaraba, Víctor Rivas, Kike Díaz, Xosé Tomás, Anxo Cuba, Los Bravú, Yupiyeyo/María Álvarez, David Pintor, Kiko Da Silva, Miguelanxo Prado, Roberta Vázquez, Xan López, Siro, Xaquín Marín, Rubén Mariño, Pepe Carreiro, Santy Gutiérrez, Martín Romero, Ramón Trigo, Brais Rodríguez, Miguel Cuba, Cynthia Alonso, Abraldes, Miguel Porto, Fernando Iglesias, Tokio e Dani Xove). .
O resultado é un coidado e estupendo libro que edita Xerais. Para reler e  volver mirar as ilustracións. Encantoume.

PIONEIRAS GALEGAS QUE ABRIRON CAMIÑO. ANIR RODRÍGUEZ-NURIA DÍAZ

Neste álbum, editado en Xerais, indícase que está "Editado nos 100 anos da creación da Sección Feminina das Irmandades da Fala e da celebración da I Asemblea Nacionalista, que recoñeceu a igualdade de dereitos para as mulleres".
Comeza a introdución cunha interesante reflexión sobre como as nenas a partir dos 6 anos "asumen unha posición subalterna que a sociedade lles asigna" (segundo un estudio da revista Sciencie). No texto preséntanse 12 galegas que romperon moldes e barreiras que a sociedade impoñía; Exeria (a primeira escritora do século IV), Isabel Barreto (almiranta no século XVI), Isabel Zendal (enfermeira), Sofía Casanova (correspondente de Guerra), Marcela e Elisa (primeira voda entre mulleres), Irene González (futbolista), Áurea Rodríguez (a primeira gaiteira), Mª Luz Morales (primeira directoras dun xornal), Olimpia Valencia (doutora que presentou tese doutoral), Celia Rivas (a primeira condutora de camións), Ángeles Alvariño (primeira científica nun buque de investigación internacional).
Ilustracións de Nuria Díaz e texto de Anair Rodríguez.
Moi útil e interesante.

Blog
DesordenadasLecturas
de
Beatriz González López
gonlobea@gmail.com

Buscador

Entradas antiguas

Seguidores

Traductor

Vistas de página en total